O pasado domingo, 11 de novembro, día de San Martiño, parece que non cabía outra posibilidade que visitar a provincia de Ourense. Unha das comarcas máis representativas da provincia é O Ribeiro, así que a organización acertou de cheo ao levarnos ata Leiro e dende alí subir ata o Monumento Natural de Pena Corneira.
Saímos dende a praza de Leiro, onde estaban a preparar unha exposición de cogomelos, e collemos a senda en dirección a Pazos de Arenteiro cunha pequena subida polo Camiño Real. Á hora do bocata estabamos en Paredes. Alí paramos ao redor dalgúns dos 30 hórreos que hai nesa área etnográfica que conta tamén con varios muíños.
Continuamos camiño ata chegar ao pé de Pena Corneira. Dende logo non é milagre que declarasen a zona Monumento Natural vendo eses penedos graníticos que mesmo parecen colocados adrede e algúns dá a impresión de que poden caer en calquera momento. Despois de contemplar a paisaxe que se nos ofrece dende a base da pena, comezamos a baixada con idea de comer en Berán. De camiño pasamos por Orega e outros núcleos de poboación con restos de edificacións que demostran a importancia que deberon ter no seu tempo. Comemos ao pé da bonita igrexa de Berán e puidemos degustar un exquisito viño do Ribeiro e, segundo din eles, o mellor licor café do mundo.
Despois do xantar e xa todos máis “contentos” pasamos por Vieite e chegamos ao paseo polo Avia. Cruzamos polo Salgueiral, que como o nome indica é un precioso lugar poboado de salgueiros e chopos. Nesta época do ano é un espectáculo pasear por alí. Logo cruzamos a ponte colgante para volver ao centro de Leiro onde nos esperaba o autobús.
Foi unha andaina preciosa, onde algúns non perderon o tempo e aproveitaron para encher a cesta de “Carapuchiña” de cogomelos que atopamos polo sendeiro. Non só a cesta, senón que encheron varias gorras… Hai que ver!
O Souto do Vello no cume galego!
O Souto do Vello no cume galego!
14 de nov. de 2012
4 de nov. de 2012
1 de nov. de 2012
Fisterra - Muxía - O Pindo
A segunda saída de fin de semana do Souto do Vello foi cara á costa. A primeira fora polo interior. Podiamos chamarlle a ruta das pedras, xa que pasamos por algunhas das máis importantes da Costa da Morte, onde se practicaba algún tipo de culto pagán. Estas figuran nas lendas sobre o monte Pindo, o monte de San Guillerme en Fisterra e as pedras de Muxía.
O sábado 27 de outubro ás 7 da mañá, o autobús conducido por Rubén Darío puxo rumbo a Fisterra. Quedaba por facer o remate do Camiño de Santiago, a etapa de Fisterra a Muxía. Había que chegar ata o santuario da Virxe da Barca, onde segundo di a tradición, chegou a Virxe nun barco de pedra para animar ao apóstolo Santiago na súa prédica por estas terras.
Aproximadamente 35 km separan estas dúas bonitas localidades da Costa da Morte. Partindo do faro, e despois de facer a foto de grupo, comezamos a andar e pasamos polo monte de San Guillerme onde está a famosa cama de pedra con propiedades fertilizantes. Creo que ninguén se quixo deitar, será pola crise? O camiño vai entre aldeas, campos de cultivo, bosques e por veces, á beira do mar. Xa chegando a Muxía hai que pasar polo alto das Aferroas, con boas vistas, e pola praia de Lourido. Xa en Muxía, a maioría diríxese ata o santuario da Virxe da Barca para tentar pasar a pedra dos cadrís e contemplar a preciosa paisaxe. Volta ao autobús para ir ata Cee onde espera a ducha, cea (por certo moi boa) e a descansar. Menos mal que había unha hora máis.
O domingo ás 8 (pola nova) xa estaban todos os andaríns no restaurante para dar boa conta dun suculento almorzo. A continuación o autobús trasladounos ata a localidade de Pindo, no municipio de Carnota. Este é o inicio da ruta que nos levará ata o alto do monte Pindo, o Olimpo celta. Saíndo dende a igrexa parroquial, vaise por un camiño ao pé dun regato acompañado de piñeiros (algúns queimados), loureiros...
Máis arriba desaparece a vexetación e aparecen as pedras que sorprenden polas súas formas fantásticas. Pásase por uns restos que din que foron dun castelo (de San Xurxo), por unha zona chá (chan das Lamas), polo Outeiro do Narís... ata chegar ao val de San Lourenzo, onde houbo unha explotación mineira. Facemos a foto diante da pena denominada O Guerreiro e continuamos ata chegar ao alto da Moa. Este é un mirador marabilloso desde onde se pode contemplar a praia de Carnota, o cabo Fisterra, a ría de Corcubión, as illas Lobeiras, e ao pé as vilas de Pindo e Ézaro. Comezamos o descenso cara a parroquia de Fieiro para chegar ao mirador do depósito de auga. Despois de xantar fixemos o pronunciado descenso ata chegar á desembocadura do Xallas e gozar co fermosa fervenza, coñecida como a fervenza de Ézaro.
Despois dunha refrescante cervexa nas cafeterías de Pindo, volta a casa co baúl cheo de vistas e as cámaras ateigadas de bonitas fotos. Xa agardamos pola próxima saída.
22 de out. de 2012
Próxima saída: Fisterra-Muxía, O Pindo-Ézaro
Importante: É necesario levar a comida para o sábado. A cea do sábado e o almorzo do domingo farémola no hotel. Tamén podemos encargar no hotel os bocatas para o domingo. Tomaremos nota no autobús.
26 de set. de 2012
Chandrexa de Queixa (O monte Seixo e o bidueiral de Montederramo)
Despois da celebración do 10º aniversario coa fabulosa cea-baile no Moisés, o Souto do Vello comeza a 11ª tempada de andainas, e faino con forza. Nada menos que a fin de semana do 22 e 23 de setembro en Chandrexa de Queixa para subir ao Seixo e mais percorrer o bidueiral de Montederramo.
Este grupo tiña un traballo pendente dende xuño de 2004 por culpa dunhas balas que querían acabar cos xabarís da zona. Así que o amigo Garrido, que non lle gusta deixar as cousas a medias, propuxo repetir itinerario pero para rematalo, e así foi.
O sábado ás 7 da mañá arrincaba o autobús dende Matamá para chegar sobre as 9,30 a casa Gerardo en Chandrexa de Queixa. Alí agardaba o amigo Gerardo para servir uns cafeliños ben quentes que darían o pulo necesario para comezar a subida ao monte Seixo. 800 m de desnivel positivo para acadar o cume a 1710 m de altitude. Foi unha subida continuada co grupo moi animado, demostrando que no verán practicaran algo. A paisaxe de montaña é preciosa e o día era perfecto para camiñar. A foto no cume foi un pouco ventada.
A comida fíxose na aba do monte sentados ao sol sobre un campo de carrascos cheos de pulgas inofensivas. Aínda que máis de un pasou todo o tempo preocupado que non lle pasasen a zonas íntimas.
A baixada foi máis prolongada e demostrou que había pouco fondo entre os andaríns. Era a primeira saída da tempada e algúns non fixeran ben os deberes no verán.
Por fin chegamos a Chandrexa ben alimentados polas riquísimas moras do camiño.
Xa na casa Gerardo, os andaríns foron distribuídos por grupos nas habitacións. Logo da ducha reparadora e da correspondente garimba, prepáranse para a cea (unha cea lixeira como acostuma o amigo Gerardo; non hai máis que ver as fotos do menú).
Ó remate da cea, Garrido ofrece unha preciosa charla, que pode ser un adianto da que vai dar moi pronto en Matamá. Lembranzas, emocións contidas, aplausos...boa compaña. A continuación hora de baile, cantigas, algunha serenata e a durmir... quen puido ou a quen deixaron.
O domingo, foi domingo de outono...vento e chuvia, que non nos impediron entrar no autobús despois do espléndido almorzo e acopio de bocatas para o xantar.
Vendo como estaba o día, a organización tivo que deliberar e ao final decantáronse por continuar coa programación e levaron o grupo polo bidueiral de Montederramo. Trátase do bosque de bidueiros máis meridional de Europa, declarado LIC (Lugar de Importancia Comunitaria) e en trámites para ser declarado Parque Natural.
“Fragas caducifolias con especies autóctonas en zona de media montaña. É un dos bosques de bidueiro mellor conservados de Galicia, ademais de ter unha boa representación doutras especies arbóreas, con importancia fitoxeográfica por ser un dos exemplos de vexetación eurosiberiana máis meridionais de Galicia. A altitude do espazo varía entre os 959 m e os 1.600 m s.n.m., cunha altitude media de 1.310 m s.n.m.
O estado de conservación deste LIC é bo.
A área pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, adscribíndose ao sector galaico-portugués”
Ata parece que vimos o sacauntos. Entre vento, chuvia, moras, arándanos...chegamos a Montederramo para comer o bocata no claustro do mosteiro. Entre esas pedras recuperáronse as forzas, e co
cafeciño quente botouse fóra o frío e a humidade acumulada. Volta a casa, coma sempre con algo de cansazo pero ledos, despois de compartir unhas bonitas xornadas de montaña.
Dende aquí queremos agradecer a Garrido e mais a Concha a súa disposición para acompañar ao Souto do Vello sempre que o precisa. De feito xa está preparando a seguinte saída.
18 de set. de 2012
24 de ago. de 2012
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)



