O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

20 de feb. de 2014

Luíntra



O pasado domingo, 16 de febreiro, pedímoslles permiso ás cicloxéneses explosivas esas para que nos deixasen facer unha escapadiña. Nótase que a orghanisasión ten mando por aí arriba porque nos apareceu un día marabilloso, con brétema e todo. Saímos de Matamá ás 7:30 da mañá cando aínda estaban as rúas sen poñer, rumbo á terra dos afiadores. Ao pé da estatua que Buciños lles ten en Luíntra comezamos a nosa andaina para percorrer parte do camiño natural da Ribeira Sacra.
Pasamos por varias localidades con rica arquitectura popular, por un dos maiores campos de mámoas en Monteverde, por Biduedo, Paradela, etc.
Despois dunha pronunciada baixada polas congostras cheas de auga que nos meteu de cheo nunha brétema espesa, chegamos ata o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, hoxe Parador. Como estaba pechado non o puidemos visitar.
Logo pasamos por Pombal, Valdaporca e volta a Luíntra.
Recuperamos folgos cun cocido e a continuación os Soutiños ofrecéronnos o mellor do seu repertorio. Foi a primeira actuación de dous novos tamborileiros que demostraron boas maneiras e aseguraron o futuro da percusión en Galicia. Tamén os acompañou o Çé.
Nesta andaina, á parte de lamentar algunha ausencia significativa, que botamos de menos, asomaron os novos valores do grupo: Izía, Valeria e Breixo. Tampouco nos podemos esquecer dos que fixeron a andaina pequena, sobre todo tres valentes que, segundo oídas, demostraron que están en plena forma. Calquera día son capaces de acompañar ó resto do grupo...aínda que non haxa cocido.



https://plus.google.com/photos/115445407253412646695/albums/5982550224648440737

12 de xan. de 2014

A Guarda - Sta. Trega



O 28 de xullo de 1588 por culpa das inclemencias meteorolóxicas caía derrotada a Gran Armada Española. Non se puido invadir Inglaterra. Felipe II dixo daquela “Yo no mandé a mis barcos a luchar contra los elementos”.
Iso mesmo debeu dicir a orghanisasión do Souto do Vello o pasado domingo cando pretendiamos facer a andaina pola costa da Guarda. A verdade é que con estas modernas “ciclogénesis explosivas”, o que antes chamabamos temporal, non puidemos gozar desta marabillosa ruta e tivemos que buscar abrigo xa ben enchoupadiños cando levabamos un par de horas de camiñada e algo máis de dez quilómetros (o ritmo era bo eh!?). Iso si, a opinión xeral dos andaríns era que tiñamos que repetila para poder rematala. Segundo nos comunican fontes ben informadas, queda anotada para unha vindeira ocasión. Esperamos ter mellor sorte para a próxima, porque nesa si que non se pode abandoar.


Fai clic nesta imaxe para ver as pouquiñas fotos que fixemos.
https://plus.google.com/photos/115445407253412646695/albums/5968082843953918417?authkey=CIX-sLfN5aqTlwE

22 de dec. de 2013

O Souto do Vello desexa Boas Festas

A organización do Souto do Vello berra, dende os cumes galegos polos que andamos, os bos desexos para que cheguen a todos os que pasades por aquí, e para os que non pasan mandádelles recado, por favor.

19 de dec. de 2013

San Xurxo de Sacos - Sebil



Carballeira de San Xusto,
carballeira derramada, 
naquela carballeiriña 
perdín a miña navalla”… 
Non creo que os andaríns do Souto do Vello perderan a navalla o domingo pero si que estiveron nesta preciosa carballeira.
Carballeira de San Xusto
moitos arrodeos ten,
se non fora polos Santos
alá non ía ninguén.
Nós non fomos polos santos, pero si fomos pola beleza das súas paisaxes e como nos dicía  o amigo Telmo, que non nos puido acompañar: “un dos lugares con máis historia de Galicia: Campolameiro, a catedral da arte rupestre!! Impresionantes petróglifos de cervos, esceas de caza e outras representacións simbólicas vos esperan...”
Aí foi o punto de partida da saída do domingo 15 de decembro, última deste ano 13. Na parroquia de San Xurxo de Sacos, no concello de Cotobade, ademais da carballeira hai algúns pazos como o dos Bermúdez. Despois da foto na carballeira baixamos ata o río Lérez onde están os baños e fonte de San Xusto cunha auga recomendable para a pel e problemas dixestivos. Logo pasamos por Fentáns, unha aldeíña en costa onde debe amolar bastante esquecer o legón na casa cando vas á leira e ter que volver a buscalo. Seguindo ruta  pasamos polo medio e medio do parque arqueolóxico da arte rupestre Campo Lameiro. Alí puidemos contemplar parte das súas cerca de 100 rochas con gravados rupestres con motivos e temáticas características dos petróglifos de Galicia ciscadas por entre os bosques de carballos e piñeiros. Pasamos por Muimenta e Cequeril e despois de comer, nun saltiño puxémonos en Sebil, onde nos esperaba o autobús. Alí puidemos hidratarnos tal e como nos dixera o noso guía lendo unha noticia do xornal que recomendaban unha cervexa despois de camiñar para non ter problemas musculares.
A xornada foi moi bonita e tranquila, e iso que faltaba algunha xente importante...ou foi grazas a iso? Non sei. Esperamos contar con todos eles na próxima, que xa será o vindeiro ano. Felices e naturais festas para todas e todos  e vémonos no 14. Unha aperta desde O Souto do Vello.

 

Preme na foto para ver máis.

https://plus.google.com/photos/115445407253412646695/albums/5959180571703748561