O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

22 de nov. de 2017

Ruta do contrabando (Nogueira de Ramuín)

Despois do bo sabor de boca que nos deixou a visita á comarca de Babia en León, retomamos as andainas pola nosa terra.
Como vén sendo habitual nos últimos outonos, non faltamos á visita da Ribeira Sacra para gozar das súas preciosas cores entre viñedos, carballeiras, soutos...
A asociación “Móvete por Nogueira” leva anos traballando na recuperación de vellos camiños polo concello de Nogueira de Ramuín, o que é de agradecer xa que nos permite gozar dunha zona espectacular en canto a paisaxe, etnografía, recuperación de usos e costumes...
A organización do Souto do Vello propúxonos esta ruta chamada “Ruta do Contrabando”; do contrabando da fariña que saía dos numerosos muíños que hai ó longo de todo o percorrido.

Nós comezamos a ruta na localidade de Penalba, unha viliña con preciosas vistas sobre o pai Miño. Dende alí comezamos unha prolongada subida para introducirnos no bosque entre soutos, carballeiras e fragas atopándonos con algún que outro lavadoiro, que pola situación na que están parece incrible que nalgún tempo tivesen actividade. Pasamos polas aldeas de Vilasuxá, Cinxeiro e Alcouza. Xa pronto vimos anunciado o “Miradoiro da Moura” ou da “Lampa” pasando pola aldea de Sobrado.
Dende o miradoiro temos unha bonita panorámica do río Sil, observando non moi lonxe o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil.

De aí pasamos a unha zona chea de penedos, todos eles con formas caprichosas e con nomes propios (“O Penedo do Trigo”, “Os penedos do Rufino”..), chegando ata a espectacular “Pedra Longa”, unha enorme rocha coa base moi estreita e que orgullosa contempla o paso do Sil. Por alí tamén se atopa o que chaman “O Castro da Moura”, conxunto de penedos que serve de miradoiro novamente sobre o canón do río.
Pasando polo punto máis elevado da ruta chegamos ata a localidade de Valdomir, moi preto de Luíntra. Despois do merecido refrixerio comezamos o descenso a través do sendeiro dos muíños, integrados nun precioso e misterioso bosque con albarizas, pontes, muros cheos de musgo, minas de auga e unha chea de trasnos que están agochados detrás das árbores agardando os días de brétema para saír ó encontro dos visitantes.

Despois de repartir apertas coas árbores, tal e como nos propoñen os amigos e amigas da asociación “Móvete por Nogueira”, finalizamos onde comezamos, en Penalba. Alí puidemos recuperarnos no local da asociación de veciños que xentilmente nos abriron as portas para poder tomar unhas cervexiñas.

Unha vez máis non defraudou a zona e aplaudimos o traballo destas mulleres e homes entusiastas, que sen moitas axudas están conseguindo que outros poidamos gozar de todos os recunchos da Ribeira Sacra.  




Para ver as fotos fai clic aquí.

27 de out. de 2017

Comarca de Babia (León)


Cando estivemos nas Azores, as nosas amigas Maribel, Olga, Ana e Ángeles propuxéronnos facer unha escapada de fin de semana alá pola súa bonita terra leonesa…Fixérona boa porque a nós non fai falta moito para poñernos en marcha. Así que alá fomos o pasado venres día 20 (aínda co fume e a tristura nos ollos) cara a comarca de Babia, máis concretamente á vila de San Emiliano. Ademais de axudar coa preparación das andainas, Olga encargouse do grupo alternativo e preparou algunha visita cultural e gastronómica que cremos que non foi nada mal.
Sobre as 10 da noite chegamos a San Emiliano e aloxámonos no hotel Valle San Emiliano e mais nun apartamento enfronte.
O sábado ás 8 da mañá tocou diana para almorzar e coller o autobús ata a localidade de La Cueta, a máis alta de León (1446 m).
Pasamos por sendeiros de alta montaña con vistas espectaculares, vixiados constantemente por rebecos, voitres, aguias, vacas,...nunha zona declarada Reserva da Biosfera pola UNESCO.
A un lado e outro vemos varios dousmiles como El Cuetalbo, Peña Chana e Torre Orniz. Subindo e subindo chegamos ata o nacemento do río Sil a 2000 m de altitude, xusto na base do Peña Orniz a onde ascenderemos enseguida. Este cume ofrece unhas vistas inesquecibles.

Comezamos o descenso atravesando varias “majadas” para dirixirnos a Torre de Babia. Antes pasamos, despois dun descenso algo complicado, á seca Laguna de las Verdes, rodeada de grandes montañas como o Montiguero. Despois da Laguna baixamos por unha pista que nos levou ata a bonita localidade de Torre de Babia onde nos esperaban os alternativos co autobús.
Xa pola noite cea no hotel e como non podía ser doutra maneira, actuación estelar do Soutiños, con novos membros que se van incorporando ou substitúen aos ausentes.
O domingo os andaríns saímos dende San Emiliano (os alternativos puideron durmir un pouco máis) para facer un percorrido dentro do Macizo dos Ubiñas. Saímos cara a Pinos e de alí subida por pista fácil ata o refuxio Casa Mieres. Pasamos polas fermosas Vegas de Riotuerto e Candioches para ascender ata o  Collado del Ronzón, onde temos unhas impresionantes vistas da comarca babiana. Por aí pasamos entre as dúas Ubiñas, Ubiña Pequeña con 2197 m e Ubiña La Grande con 2411 m, que é a máxima elevación da Cordilleira Cantábrica se non contamos cos Picos de Europa.

Dende alí comezamos unha prolongada e técnica baixada ata Torrebarrio. Despois de refrescarnos no bebedeiro das ovellas, comemos ao soliño e preparámonos para coller o autobús.

Aquí remataba a fin de semana pola comarca de Babia da que nos imos encantados, agradecendo o traballo das nosas amigas leonesas.




Para ver as fotos fai clic aquí.

28 de set. de 2017

Allariz - Santuario de Santa Mariña de Augas Santas - O Rexo

Despois do acto de celebración do XV aniversario, que por certo resultou moi entrañable, comezamos a XVI tempada con renovadas ilusións. Pensando nos que non fixeron os deberes durante o verán, a organización preparounos unha andaina que algúns chamaban “ligth”. Saíndo de Allaríz e pasando polo santuario de Santa Mariña de Augas Santas volvemos de novo a Allariz tras un paseo ó pé do río Arnoia. Fisicamente non foi moi esixente pero dende o punto de vista do patrimonio e arqueoloxía foi unha xoia.
Ás oito e media saímos de Matamá cara á vila de Allariz cun tempo fantástico.  Saímos a camiñar dende Roiriz e o primeiro que atopamos e o conxunto rupestre do Señoriño, unhas rochas destinadas ao culto ritual tanto en épocas prerromana e romana. Preto de alí demos co castrogalaico romano de Armea. Todos estes restos arqueolóxicos que se atopan pola zona están relacionados coa lenda de Santa Mariña, incluída unha basílica romana inacabada que contén unha cripta templaria baixo o chan onde hai uns restos dunha Pedra Formosa ou forno prerromano que, segundo a lenda foi onde intentaron queimar a santa. Entre o castro e a basílica atopamos unha pía debaixo dun carballo onde din que San Pedro salvou a santa arrefriándoa nela. Algúns cumpriron coa tradición de dar varias voltas cunha pedra ó lombo para curar a reuma. A través dunha preciosa calzada romana chegamos á localidade de Santa Mariña de Augas Santas co seu extraordinario santuario. 

Continuando camiño chegamos ó santuario de Vilar de Flores onde paramos a recuperar forzas. Despois de descansar baixamos ata o ecoespazo do Rexo, na parroquia de Requeixo de Valverde. Alí contemplamos a obra pictórica e escultórica do artista Agustín Ibarrola nun espazo natural.
Cruzando de novo a ponte, comezamos un pracenteiro sendeiro ó pé do río Arnoia que nos levou ata a praia fluvial de Allariz, remate da nosa andaina.

Así comezamos unha nova etapa que promete tan interesante ou máis cá anterior.

Para ver máis fotos fai clic aquí.

21 de set. de 2017

Celebración XV aniversario

O pasado sábado, 16 de setembro, os anadaríns e andarinas do Souto do Vello xuntáronse nos locais do Centro Cultural Atlántida de Matamá para celebrar os seus primeiros 15 anos de andainas. A organización mándame dicir que están orgullosos da boa acollida que tivo a convocatoria, xa que, ademáis de xuntarse moita da xente que anda actualmente, tamén acudiron os que saíron con nós algunha vez. Resultou moi agradable ver as emocións dos reencontros, os recordos que ían saíndo nas conversas, etc.
Despois dos saúdos, entramos no salón de actos onde nos puxeron unha montaxe que recollía fotos, vídeos e entrevistas dende a primeira saída alá polo 2002. O traballo do realizador foi descomunal, pero creo que pagou a pena ó ver as reaccións do público asistente (a pesar de atoparse un pouco menos novo que daquela). Dende aquí queremos enviar os nosos parabéns pola montaxe. Entre vídeo e vídeo, fíxose entrega duns diplomas ós sendeiristas máis veteranos que subiron ó escenario para contarnos algunhas das memorias máis entrañables. Tamén recibiu diploma a sendeirista que collerá o relevo algún día. Noutro dos descansos tivemos ocasión de agradecerlle as ensinanzas recibidas ó amigo Carlos Garrido que aproveitou para lembrar como naceu a súa relación co Souto do Vello.
De seguido, e rematado o acto de lembranza, subimos a outro local onde había unha exposición das mellores fotos por tempadas. Como non podía ser doutra maneira, puidemos degustar uns exquisitos pinchos que acabaron coa degustación das xa habituais rosquillas Ancla doadas polo amigo Kico (alguén preguntaba por elas antes de comezar a picar).

E, como non, non podía faltar a actuación dos Soutiños que puxeron o punto e seguido dun acto moi entrañable e do que desexamos repetir moi pronto.

Para ver máis fotos fai clic aquí.
Aquí vos queda parte da actuación do orfeón.