O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

24 de maio de 2018

Camiño do mar 1 (Ribadeo -Foz)



Segundo informacións recollidas de varias fontes, o Camiño do Norte ou Camiño da Costa que leva os peregrinos a Santiago, percorre a costa cantábrica ata Ribadeo e logo continúa polo interior. Algúns historiadores descubriron que este Camiño tiña outra variante. Desde Ribadeo e continuando pola costa, chegaba ata Santo Andrés de Teixido e logo baixaba ata Ferrol para continuar polo Camiño Inglés. Esta variante é a que chaman “Camiño do Mar”.
O Souto do Vello, despois de facer o Camiño dos Faros, pretende completar a costa galega polo que aproveita esta ruta para continuar co seu obxectivo.
Así que na fin de semana do 19 e 20 de maio comezamos este segundo asalto facendo as dúas primeiras etapas, dende Ribadeo ata Cangas de Foz.
Esta ruta vainos levando por camiños preto do mar descubríndonos marabillosas paisaxes con grandes e bonitas praias de augas transparentes, acantilados, formas rochosas caprichosas, espazos naturais de grande valor medioambiental, aldeas e portos pesqueiros de grande tradición, patrimonio histórico, etc.
Entre outros lugares de interese cabe salientar Ribadeo, coas súas “casonas indianas”, a Torre dos Moreno, o mercado de abastos...Pasamos pola Illa Pancha, o porto de Rinlo, praias coma as dos Xuncos, dos Castros, e a máis espectacular das Catedrais. Antes de chegar a Foz pasamos pola gran praia de Barreiros.
Rematada a primeira etapa, collemos o autobús para facer unha visita á Basílica de San Martiño de Mondoñedo, considerada como a catedral máis antiga de España. Pola súa riqueza arquitectónica, escultórica e pictórica foi declarada Ben de Interese Cultural no 1931. Despois de escoitar  unha charla moi interesante collemos o autobús para achegarnos ata Ribadeo e aloxarnos no hotel Voar. Cea e a descansar para afrontar a segunda etapa.

O domingo saímos de Foz para chegar ata Cangas de Foz. A paisaxe é moi parecida á do día anterior, salientando a praia da Pampillosa, o castro de Fazouro. É moi chamativo o número de restos castrexos que hai ó longo desta costa, para chegar ata a igrexa parroquial de Cangas onde se atopa unha moreira negra que figura no rexistro de árbores senlleiras e Galicia. Á sombra desta moreira tomamos un refrixerio para despois coller o autobús e volver a Vigo satisfeitos. O comezo deste camiño déixanos un bo sabor de boca desexando continuar coa teima de percorrer a nosa costa. 
Pero para bo sabor de boca o que nos deixou unha amiga de Bacelos que tivo o gran detalle de agasallarnos cunha caixa de bombóns que nos repartiron no autobús. Dende aquí queremos enviar unha forte aperta de parte dos andaríns do Souto do Vello.


Para ver máis fotos fai clic aquí.

25 de abr. de 2018

Ruta dos Bosques Máxicos (Castro Caldelas)

Por fin parece que vén a primavera…pero un pouco atrasada. A organización do Souto do Vello preparounos unha  preciosa ruta polos bosques do concello de Castro Caldelas en Ourense para apreciar as cores dos verdes primeirizos de carballos e castiñeiros entre outros, pero chegamos cedo, aínda continúan co traxe de inverno. Salváronnos algunhas cerdeiras que atopamos polo camiño que estaban a rebentar de brancas flores facendo competencia ás do Bierzo ou ás do “Valle del Jerte”.
Con todo a ruta non decepcionou porque se trata dun sendeiro que pasa por soutos, carballeiras, aldeas, ríos, antigos mosteiros, igrexas... que conforman o que chaman “Ruta dos Bosques Máxicos de Castro Caldelas”.

Ten forma de oito con dous bucles, un de 16 km e outro de 5. Saímos da Praza do Prado de Castro Caldelas para facer a parte máis longa. O primeiro que atopamos cando nos metemos no monte, é o impresionante Souto de Poboeiros, precioso bosque de centenarias árbores autóctonas, castiñeiros e carballos basicamente. Pasamos pola igrexa de Santa Tegra de Abeleda que data do século XVIII. No seu interior ten unha imaxe da Virxe da Luz á que honran en agosto cunha gran romaría onde fan a Danza das Cocas, de orixe ancestral, na que oito Danzantes e unha parella de xigantes, as Cocas, bailan ó son das gaitas (coma nós cos Soutiños). Logo pasamos por un monumento medieval relevante como é o mosterio de San Paio de Abeleda, un dos máis importantes da Ribeira Sacra no seu tempo. Tamén cabe salientar o paso polas aldeíñas como Poboeiros, Soutelo e O Couto. Despois do mosteiro demos volta cara a vila subindo de novo polo Souto de Poboeiros pero por outro sendeiro. Ó pé desta fermosa vila como é Castro Caldelas demos conta das viandas que levabamos preparadas para coller forza e afrontar o segundo bucle, xa máis curto pero non menos fermoso.
A maior parte do camiño vai pola ribeira do río Edo, cos seus muíños e pontellas,  chegando ata o mosteiro de San Xoán de Camba. Na súa igrexa apareceron moedas de Constantino O Grande (Século IV).

Nun instantiño chegamos a Castro Caldelas, remate da ruta, entrando polo alto da vila o que dá unha visión fantástica do castelo que a domina e que dá idea da importancia desta localidade no seu tempo.

E como non, tivemos tempo para repoñer forzas cunha birriña e facer algunha compra da famosa bica.



Para ver as fotos fai clic aquí.

29 de mar. de 2018

Porto Ribeiro - Penedo do Lagarto (Lamas de Mouro)



O Souto do Vello comezou esta Semana Santa co seu viacrucis particular, e anual, visitando o noso Santuario do Bacallao en Castro Laboreiro. Pero antes de dar conta do menú degustación había que facer sitio, por iso paramos en Porto Ribeiro, na serra da Peneda, onde comezamos unha pequena andaina por eses montes tan bonitos. Pronto descubrimos por que se chama Serra da Peneda. Cando levantas a cabeza sénteste ridículo observando os penedos que te rodean. Pero desta volta houbo outra sorpresa!! Agardando por nós estaba un gran manto branco que facía aínda máis bonito o lugar. Vaia nevada!! Ben abrigados e pampos pola paisaxe comezamos a subida cara os miradoiros do Alto do Marco e da Frincha. Frincha significa “Abertura estreita, fenda, fisga, greta… e iso era o que había entre dous grandes penedos ós que non puidemos subir polo perigo a esvarar (si que subiron algunhas fracas figuras cando fomos preparar a ruta, como poderedes apreciar ó final da reportaxe de fotos).  Pasando logo por un precioso bosque de faias chegamos ó Chan da Matanza. De aí comezamos a baixar en busca do penedo do Lagarto. Houbo quen pensou que non estaría polo frío que ía e por iso non o buscou como é debido. Outros si que o atoparon como se pode apreciar nas fotos. El estaba alí porque nesa zona xa non había neve. Tamén vimos a botella de viño que estaba a arrefriar. 
O sendeiro levounos despois ata as Almiñas da Portela do Lagarto e collemos o camino que unía antigamente Lamas de Mouro coa Peneda. Á beira do río Mouro fomos achegándonos ata o autobús. Cambio de roupa e camiño a Castro Laboreiro. O amigo Fernando e os seus “funcionarios” xa nos tiñan as mesas preparadas para comezar  coa degustación. 
O bacallao non estaba moi salgado e non tirou moito polo tinto, pero o cabrito foi o mellor que levamos probado (segundo dicían algúns). Logo das sobremesas e cafés, tocou baile amenizado como sempre polo afamado e exclusivo grupo dos Soutiños. Un ano máis cumprimos con noso ritual. E que sigan moitos. Botamos en falta á nosa amiga Estrella á que lle enviamos unha aperta e o desexo de que se recupere moi pronto.    





Para ver as fotos fai clic aquí.

11 de mar. de 2018

Homenaxe merecida

(Foto de Carlos Carrera)
O Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia rendeulle unha merecidísima homenaxe ó noso Bacelos, "Recoñecemento polo labor prestado ao club: José Bacelos", tal como figura no pé de foto publicada no blog do Club.
O pasado sábado, 3 de marzo, celebraron a Cea-Baile Homenaxe ao Socio no hotel Coia. No transcurso da mesma, o presidente Carlos Garrido, fíxolle entrega dun precioso obsequio en agradecemento das diversas colaboracións que ten tido co Club Peña Trevinca.
Fai clic na foto para acceder á publicación do seu blog.