O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

5 jul 2022

Fin de tempada en Vilar de Mouros

 


O pasado domingo, día 3 de xuño, celebramos o remate da vixésima tempada de andainas do noso grupo. Xa estamos consolidando a maioría de idade!!

Para a ruta e a posterior festa, desprazámonos ata a freguesía portuguesa de Vilar de Mouros, concretamente ata a capela do Señor dos Passos, lugar onde se celebra o famoso festival de música de Vilar de Mouros.

O primeiro que fixemos foi percorrer o lugar ó pé do río Coura, dende a praia fluvial, onde se pode ver unha aceña con catro rodas totalmente restaurada, ata a preciosa ponte románica que data dos séculos XIV ou XV,  a cal cruzamos para comezar a ruta.


O percorrido ten momentos moi interesantes, como son as bonitas vistas sobre o Miño, Vilanova de Cerveira ou a illa Boega. Por suposto, gozamos das fermosas vistas da beira galega do Miño: A Guarda, Tabagón, Goián, etc.

Subindo chegamos ata o alto do monte Góis, aínda que non fixemos cume xa que unhas antenas co recinto pechado impídenos acceder e gozar das vistas.

Comezamos a baixada e chegamos ata o lugar onde se atopa o Cruceiro da Independencia. Un miradoiro excepcional para contemplar todo o esteiro do Miño.

E dende alí continuamos a baixada ata chegar ó punto de inicio.

Os incondicionais aproveitaron para refrescarse antes de dar boa conta das viandas preparadas para a ocasión. Non faltaron as rosquillas Ancla e o pipote de viño para acompañalas grazas a Kico.

E para poñerlle o ramo á tempada, non podía faltar a soberbia actuación do grupo muscial “Os Soutiños”. Despois dun primeiro pase na propia carballeira onde comemos, fixeron un pasarrúas ata o palco onde continuaron coa súa actuación acompañados dun animado grupo que non parou de bailar.


Así demos por rematada a 20ª tempada  e despedímonos ata setembro onde nos agardan novas andainas e algunha que outra celebración. Bo verán.

Para ver todas as fotos fai clic aquí.

14 jun 2022

Ruta pola Ribeira Sacra do Miño

 

Xa van alá case 7 anos cando fixemos a primeira parte da Travesía Integral da Ribeira Sacra do Miño dende a igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño ata a adega Abadía da Cova. O pasado domingo fixemos a segunda parte, pero dándolle a volta. Saímos de Guítara, para visitar primeiro a igrexa de San Martiño de Atán e chegamos a San Martiño da Cova.

Podemos dicir que é unha das rutas máis bonitas e interesantes nos concellos de Ferreira de Pantón e O Saviñao. Ó longo do seu percorrido podemos gozar dunha chea de atractivos naturais, históricos, culturais, etnográficos...e ademais este domingo estivemos acompañados en todo momento dunha chea de aromas que nos anuncian a chegada do San Xoán coa súa variedade de herbas aromáticas, así como a explosión das candeas nos castiñeiros.


Desde o punto de vista paisaxístico, o sendeiro ofrece unhas fantásticas vistas das ribeiras do Miño, cos socalcos cheos de cepas cargadas de pequenos acios, de momento. Distintas aldeas, algunhas delas abandonadas, como a de Marce. A marabillosa fervenza de Augacaída,
espectacular salto de auga de más de 40 metros que forma o río Aguianza antes de acabar no Miño. O Miradoiro das Marabillas ofrece unha panorámica espectacular. Sen esquecer o embarcadoiro e a illa de Maiorga.

En canto ó apartado histórico e monumental, pasamos por auténticas xoais do románico como a igrexa de Santo Estevo de Atán e a de San Martiño da Cova, cualificados como monumentos histórico-artísticos. Achegámonos tamén ata o Castro de Marcé, antigo asentamento castreño nun lugar de gran beleza e, segundo a lenda, morada dos míticos xacios, homes acuáticos.

Despois de ben enchoupados de natureza, historia...e algo de suor pola calor que soportamos na última parte da xornada, chegamos ó punto final da etapa onde nos agardaba unha doce sorpresa. Nada máis e nada menos que unha degustación das afamadas rosquillas Ancla coas que nos agasallou o amigo Kico, regadas cun riquísimo viño tinto ben fresquiño.

Alguén manifestaba cando subía ó autobús: “Que alegría levo no corpo!!!”.., non sabemos se era polo viño, polas rosquillas, pola ruta ou por todo un pouco. Queremos repetir.



Por esta tempada xa só nos queda o remate. Unha fin de festa que promete, xa que o escenario paga a pena. Achegarémonos ata as Azenhas de Vilar de Mouros no veciño Portugal o vindeiro 3 de xullo.


Para ver máis fotos fai clic aquí.

9 may 2022

Lamas de Mouro

 Por fin puidemos cumprir co noso precepto de achegarnos ata Castro Laboreiro para degustar o seu famoso bacalhao con broas, pero para merecelo antes tivemos que facer unha pequena ruta pola freguesía de Lamas de Mouro.

Lamentando algunhas baixas de última hora por mor do Covid, emprendemos a marcha nunha mañá luminosa con dirección a Cubalhão. Comezamos a andar nesta preciosa localidade facendo parte da ruta denominada “I Rota do Lobo”, unha proba de 50 km. Iremos acompañando e pasando polo río Mouro e algúns dos seus afluentes.

Ó longo de todo o sendeiro fomos gozando das espléndidas cores que nos ofrecía o monte inzado de flores de uces, carrascos, xestas...que compoñen unha paleta de cores fantástica.


Pasamos por localidades como Parada do Monte, Lamas de Mouro,...pola Branda de Fitorio, cruzamos pontellas, pontes de recente construción, outras medievais,...muíños, fornos, igrexas, etc.

O autobús estaba agardando no lugar que chaman a “Porta de Lamas de Mouro”. Dende alí levounos ata o Restaurante Miracastro onde pasamos ó comedor e demos boa conta do habitual menú onde destaca o seu bacalhao con broas.


Aproveitamos a sobremesa para felicitar a Telmo polo seu aniversario e a continuación os Soutiños ofreceron unhas pezas animando a bailar os asistentes. Temos que salientar a colaboración dunha nova tamborileira que demostrou o seu saber xunto os veteranos músicos. Na continuación da festa no exterior sumáronse un acordeonista e dúas bailadoras, que despois de servir e recoller pratos como grandes profesionais, non dubidaron en acompañarnos. 

Transcribo a continuación un pequeno texto que nos enviou Diana

Obrigada nós por tudo, pela alegria que nos transmitem.
Com os melhores cumprimentos,

Diana Pires”

Dentro duns días enviaremos información sobre a próxima saída. Estade atentos e atentas.

Para ver máis fotos fai clic aquí

6 abr 2022

Circular por Coles (Ourense)

 


O pasado domingo fixemos a primeira andaina primaveral do ano aínda que ameazada con frío invernal. Non foi para tanto, a verdade é que puidemos gozar dun día espléndido de sol cun pouquiño de norte.

Desprazámonos ata o concello ourensán de Coles, máis concretamente á súa capital, a Vilarchao. Alí, xusto fronte á Casa do Concello comezou a ruta que discorrería polas distintas parroquias do Concello como Figueiredo, Mira de Cima, Quintás, O Fontaíño, Barra de Miño, Sobrado...etc.


A ruta é moi variada e preciosa porque, ademais de pasar por todas estas localidades apreciando a arquitectura popular, tamén pasa por algún bosque autóctono como é a impresionante carballeira que atopamos enseguida ou todo o tramo que compartimos co río Miño, á altura do encoro de Velle, a senda ambiental de Ribela ou os muíños que traballaron coas augas do regato Lusín.

Parte do camiño vai por preciosas corredoiras entre muros de pedra, como o chamado “Camiño dos Mortos”.

Aproveitamos as mesas que hai no embarcadoiro de Ribela para repoñer forzas e coller con ganas a pequena subida que nos agardaba antes de chegar de novo a Vilarchao.

Despois de refrescarnos cunhas saborosas cervexiñas collemos o autobús de volta cara a Vigo.

Botamos de menos a algúns compañeiros e compañeiras que por distintos motivos non puideron acompañarnos. Enviamos unha mensaxe de ánimo a aqueles que tiveran algún problemiña de saúde para que melloren e nos poidan acompañar na seguinte saída, o vindeiro 8 de maio, onde peregrinaremos ó noso Santuario do Bacalhau.


Para ver máis fotos fai clic aquí.