O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

23 nov 2022

Ruta da Pedra e da Auga e Ruta do río San Martiño

Como xa temos máis de 20 anos este mes tocaron dúas rutas nunha. Comezando e rematando no mosteiro de Armenteira, na comarca do Salnés, fixemos a ruta polo río San Martiño enlazando coa ruta da Pedra e da Auga.

Prometía un día de tregua entre tanta chuvia e así foi. A chuvia deixounos camiñar pero a brétema impediunos gozar das vistas sobre a ría cando iamos por unha pista en busca do río San Martiño. Cando o atopamos, comezamos un sendeiro descendente ó pé do río, con grande encanto e con diversos muíños no seu percorrido.


Continuamos por unha pista paralela á autovía contemplando unha gran extensión de viñedos para chegar ó inicio da famosa ruta da Pedra e da Auga. Aí comezamos a subida sempre xunto ó río Armenteira gozando do fantástico contorno natural con fervenzas, varios tramos con rápidos e inzado de muíños bastante ben conservados. Un dos puntos chamativos da ruta é a denominada “Aldea Galega”, un lugar cheo de esculturas en pedra con imaxes características do rural galego.


De volta no mosteiro, aínda tivemos tempo de tomar un refrixerio ata que abriron o despacho para poder mercar algún dos produtos naturais (xabóns, cremas, aceites...) que elaboran as monxas que habitan alí.



Para ver as fotos fai clic aquí.

7 nov 2022

Cea 20º aniversario

 


O pasado sábado, 5 de novembro, xuntámonos no restaurante Moisés en Valadares, arredor de 110 persoas relacionadas co Souto do Vello para celebrar o 20º aniversario do grupo.

Foi unha reunión moi agradable onde tivemos a oportunidade de compartir charla, ademais de mesa, con xente que nalgún momento nos acompañou nos centos de rutas que se levan feito dende o ano 2002. Tamén botamos de menos aqueles que nos acompañaron e agora non o poden facer.

Nós chamámoslle a cea dos “apolos” porque brindamos para ir “apolos” 25 anos de camiñadas.

Antes da sobremesa visionamos e gozamos cun pequeno vídeo elaborado polo noso compañeiro Telmo coas imaxes recollidas da saída a Pireneos.

Como non podía ser doutra maneira, a reunión rematou coa degustación das rosquillas Ancla regadas con sidra de Bembrive que deron paso ó baile e diversión ata altas horas da madrugada.

Pero antes tivemos a oportunidade de agradecer a colaboración inestimable do noso guía-montañeiro Carlos Garrido coa entrega dun pequeno agasallo e co desexo de seguir contando con el.

Tamén houbo outra homenaxe ás tres parellas de avós recentes que foron agasallados cuns preciosos obsequios. Temos que dar as grazas a todos por este cariño transmitido.

Pois como diciamos antes, imos a polos 21 para poder chegar ós 25.


Para ver máis fotos da cea fai clic aquí.

25 oct 2022

Ruta da Padela e Pelamios en Xunqueira de Ambía

 


Aínda estamos gozando do bo sabor de boca que nos deixou a visita a Pireneos cando preparamos a saída correspondente ó mes de outubro. Consultando as predicións meteorolóxicas animámonos a fuxir da costa e ir cara ó interior xa que tiñamos máis probabilidades de escapar da chuvia. E así foi, achegámonos ata Xunqueira de Ambía, na provincia de Ourense, e a chuvia deixounos camiñar tranquilamente. Iso si, non nos libramos da sorpresa final. Cando nos estabamos a cambiar caeu toda xunta a auga que tiña que caer durante a mañá.

Chegamos a Xunqueira de Ambía e aparcamos ó pé da Colexiata de Santa María La Real”, un Monumento Nacional de importante valor histórico e artístico, e de gran beleza arquitectónica.

Iniciamos o percorrido polo PR-G 194 descendendo ata o río Arnoia por frondosos bosques de carballos e castiñeiros e pasando por camiños preciosos, algunhas congostras impresionantes e sendeiros de pescadores ó pé do río. Atopamos algún antigo pelamio, que son construcións onde curtían as peles do gando, unha fonte termal e algunha pontella.


Pasamos por San Xillao, onde vimos uns bolos graníticos espectaculares. Continuamos camiño  ata o lugar de A Pousa, coa capela da Virxe do Camiño, por onde pasa a Vía da Prata. A continuación pasamos por Vilanova e Vilariño do Río e cruzando pola Ponte das Poldras atopámonos no eco-espazo de ”O Rexo” cheo de esculturas e pinturas sobre as árbores de Agustín Ibarrola.


Dende aí en constante pero moi suave ascenso chegamos de volta a Xunqueira onde aguantamos a forte chaparrada que nos estaba agardando.

Despois de tomar uns reparadores cafeciños voltamos para Vigo pensando xa na celebración da cea aniversario o vindeiro sábado 5 de novembro.


Para ver as fotos fai clic aquí

12 oct 2022

20º aniversario en Pireneos

 


Xa somos maiores de idade!!! Xa temos 20 anos e na casa deixáronnos ir de excursión!!! A organización preparounos unha saída, nada máis e nada menos que, a Pireneos, ó Parque Nacional de Ordesa e Monte Perdido en Huesca. Que luxo!!

Declarado Patrimonio Mundial pola UNESCO, o Parque Nacional de Ordesa e Monte Perdido inclúe un conxunto de catro vales (Ordesa, Añisclo, Escuaín e Pineta), que están ó redor do Monte Perdido, o macizo calcáreo máis alto de Europa.

Pois nós percorremos tres deles: Ordesa, Añisclo e Pineta.

Comezamos o mes de outubro subindo ó autobús que nos levou ata Pamplona, onde fixemos unha paradiña dunhas horas que nos serviron para almorzar e percorrer as rúas do centro da cidade, incluíndo o percorrido dos encerros de San Fermín. Algúns estivemos acompañados duns amigos de Loli que nos fixeron de anfitrións, o cal agradecemos.

Seguimos viaxe ata Jaca, onde paramos para xantar e visitar a cidade. A media tarde xa saímos cara a Torla, o que ía ser o noso destino, e aloxámonos no hotel Edelweis. Un hotel fantástico, onde estivemos moi a gusto toda a semana e moi ben atendidos por Miguel e compañía.

O domingo xa comezamos a primeira das rutas achegándonos ata o “Cañón de Añisclo”. Estivemos acompañados polo noso guía de cabeceira e especialista en Pireneos, Carlos Garrido, que estivo con nós toda a semana, ó cal agradecemos moito xa que é un pracer camiñar con el.

O Cañón de Añisclo é un dos lugares máis espectaculares de Aragón. Trátase dun profundo canón esculpido durante millóns de anos pola erosión do río Bellós. Conta con numerosas fervenzas e un bosque frondoso que o converten nun lugar único. Nós seguimos a ruta de Ripareta. Algúns continuaron en dirección a Fuenblanca aínda que non deu tempo a chegar por non arriscarnos a meternos na noite. As vistas son espectaculares!! Ó principio do camiño está a ermida de San Úrbez incrustada nunha cova e adicada a ese santo e pastor que viviu alí no século VIII.


Mentres, as compañeiras que forman o chamado “Grupo Alternativo” fixeron unha ruta ata a localidade de Broto, onde pasaron o día coñecendo ese precioso lugar.

O luns tocaba a ruta máis esixente da semana, a “Pradera de Pineta”. Aquí é o río Cinca o que forma un dos máis espectaculares cursos fluviais da zona. Dende o final do val saen varias rutas, unha delas é a chamada “Los Llanos de La Larri”. Parte do grupo fixo esta ruta pasando por un bosque de faias e por varias pradeiras verdes e cunhas vistas especaculares. O resto do grupo animouse a subir ata o Balcón de Pineta. Tras unha forte e prolongada subida chegamos ó miradoiro desde o cal se aprecia unha espectacular panorámica do val. Logo continuamos a ruta ata chegar ó lago Marboré (2.590 m de altitude), para gozar da excelente vista de todo o glaciar. Todo un espectáculo xeolóxico! Unha paisaxe practicamente lunar!!

O grupo alternativo fixo unha ruta en coche chamada “La ruta de los miradores” accedendo a varios dos puntos onde se pode apreciar toda a beleza do lugar.

O martes pola mañanciña todas e todos subimos ó autobús para achegarnos ata a localidade de Riglos e facer a ruta que rodea os famosos Mallos de Riglos. Os “mallos” en Aragón son esas extraordinarias formacións xeolóxicas de cor vermella que foron levantadas hai uns 65 millóns de anos cando se formaron os Pireneos. A posterior erosión da auga deu lugar a estas impresionantes paredes rochosas que son un paraíso para os escaladores. Cando estabamos no alto do sendeiro, recibimos con sorpresa a algunhas das compoñentes do grupo alternativo encabezadas por Luci, o que supuxo un gran esforzo para elas e unha gran alegría para todos os demais.


Xa pola tarde fomos de visita ó castelo de Loarre. O castelo de Loarre é un castelo románico situado na localidade de Loarre, na serra de Loarre, (provincia de Huesca, Aragón). Foi declarado Ben de Interese Cultural e Monumento Nacional en 1906. Fixemos unha visita guiada que resultou moi amena. O guía fíxonos pasar un rato moi agradable.

Para o mércores quedaba a ruta estrela, xa que nos achegamos ata a pradera de Ordesa para facer a ruta pola Senda dos Cazadores.

Esta é unha das rutas máis bonitas do Val de Ordesa. Comezamos o percorrido no aparcadoiro da Pradera de Ordesa. Pronto comezamos unha forte subida, pero dirixidos por Carlos Garrido fíxose sen problema. Chegamos ó miradoiro de Calcilarruego cunhas vistas espectaculares. A partir de aí vai unha senda en continuo descenso ata chegar ó mítico lugar da “Cola de Caballo”. Trátase dunha fervenza espectacular, que desta volta non o era tanto xa que tiña pouca auga. O regreso foi pola pista máis fácil seguindo o curso do río que está inzado de bonitas fervenzas como as chamadas “Gradas de Soaso”.


E xa no último día da nosa estadía en Torla, saímos ben cedo cara a bonita localidade de Alquézar, declarada Conxunto Histórico Artístico.

Antes de pasear polas bonitas rúas desta localidade, fomos facer o percorrido polas pasarelas. Esta ruta permite admirar a beleza do último treito do río Vero. Primeiro hai un tramo de escaleiras de madeira que facilitan o descenso. Pronto atopamos un desvío para ver a cova de Picamartillo. Volvendo ó sendeiro, o camiño segue río abaixo a través dunha espectacular pasarela metálica instalada na parede rochosa. Pasamos por unha vella presa e mais a antiga central hidroeléctrica. Ó rematar as pasarelas, o camiño vólvenos levar a Alquézar, acompañados por varias parellas de voitres que sobrevoaban por riba das nosas cabezas. Paseando por esta bonita localidade, observamos numerosos “callizos”, algunhas casas nobres dos séculos XIV a XVII, e sobre todo, a súa fabulosa Colexiata de Santa María, do século XVI.

A media tarde collemos o autobús para ir cara a vila medieval de Aínsa. Cabe salientar a súa porticada Praza Maior, a igrexa románica de Santa María, un dos mellores exemplos románicos do Alto Aragón. Continuamos a visita paseando polos restos do seu castelo. Algúns visitamos tamén o Ecomuseo da Fauna Pirenaica, onde recuperan as aves rapaces feridas.

O venres pola mañá, collemos o autobús para a volta a casa facendo parada en Burgos. Tivemos tempo de pasear polo casco vello de Burgos e visitar o “Museo de la Evolución Humana”, moi recomendable.

O sábado saímos para facer o tramo final da volta e paramos unhas horiñas en León. Da man da nosa compañeira Ángeles e mais a súa familia, leoneses de pro, coñecemos o máis importante do centro leonés, que precisamente estaba de festa e había moi bo ambiente,  como é a súa catedral, a Praza Maior na que había o mercado dos sábados, a colexiata de San Isidoro (coñecida como “La Capilla Sixtina Leonesa”)...

Ás 8 da tarde, o noso fantástico condutor David, deixounos de novo en Matamá, un pouco cansos pero moi satisfeitos da semana vivida polos Pireneos para celebrar o 20º aniversario do Souto do Vello. 

Para ver as fotos fai clic 

aquí1

aquíGA

aquí2

aqui3

aquí4




25 sept 2022

Ruta polas Eiras de canastros e cabaceiros de Quins (Melón)

 


Quen nos ía dicir, un dia de setembro de 2002, que aquela primeira andaina polos arredores de Matamá sería o xermolo dun grupo de sendeirismo que iría percorrer miles de kilómetros durante 20 anos. Nin nos mellores soños! Daquela, a pretensión era simple: camiñar polos camiños que moi pronto irían desaparecer por mor das obras dunha grande infraestrutura. Camiños e congostras que xamais voltariamos ver nin disfrutar.

Hoxe, 20 anos despois, facemos a crónica desta andaina que inaugura a tempada 21 e na que, como nas orixes, visitamos elementos do noso patrimonio etnográfico e cultural que, se ninguén o remedia, tamén imos perder: os hórreos.

A andaina non puido estar mellor guiada. O noso compañeiro Antonio, oriundo das terras de Melón, preparou o percorrido que tan ben coñece e explicounos historias, anécdotas e características duns dos elementos que máis representan á Galicia rural e agrícola como son os canastros, cabaceiros e as eiras donde se secaba e mallaba o cereal. Un tesouro patrimonial de inmenso valor que, de seguro, sería merecedor do cualificativo de Patrimonio da Humanidade.

O Antonio ten catalogados máis de 400 canastros só no concello de Melón, moitos deles localizados en agrupacións que se distribúen en espazos de uso comunitario. É precisamente esta característica a que fai a estes elementos particularmente valiosos, pois simbolizan a vida en comunidade e a axuda mútua entre a veciñanza.

Iniciamos a nosa ruta visitando o conxunto de canastros da aldea de Covelo que hoxendía está practicamente deshabitada. Camiñando entre as súas casas e polo seu entramado de pequenas rúas, percíbese claramente o declive do mundo rural.


Xa máis adiante no noso percorrido, chegamos á aldea de Vivenzo onde encontramos unha excepcional agrupación de cabaceiros. Chámanse así a uns pequenos hórreos de planta circular construídos con bimbio e teito de colmo sobre unha base de pedra, e dos que hoxendía só existe un exemplar completo e todavía en uso.


Continuamos a ruta ata Negrelle, onde fixemos unha pequena paradiña para tomarlle o aperitivo das “onse”, e dende alí nos diriximos ata A Serra, lugar onde se encontra unha das maiores concentracións de canastros e tamén un espectacular calvario e vía crucis.

Desde A Serra chegamos á aldea de Vilaverde e dende alí a Barcia, onde o Antonio ensinounos cal era o canastro máis pequeno de todos os que el ten catalogados así como o canastro que se empregaba para  depositar o dezmo, tributo que obrigatoriamente había que pagar á igrexa. En Barcia encontrámonos cos propietarios da almazara da Man da Moura que naquel preciso intre estaban a traballar no envasado do mel das súas abellas. Emprazámonos para visitalos noutra ocasión para poder observar o proceso de fabricación artesanal do aceite de oliva que tamén comercializan.

Finalmente rematamos nesta mesma aldea de Barcia dándonos un pequeño baño refrescante na fabulosa poza que alí forma o río do Outeiro.

Pero o mellor aínda estaba por vir!. Xa no lugar do Casal, precisamente na casa do noso anfitrión Antonio, varios dos máis grandes cociñeiros que deu o Souto do Vello afanábanse para preparar todo para o xantar. Un bo churrasco acompañado dun espectacular arroz de tomate estaban a agardar por nós. Nin que dicir ten que, para testar se a comida estaba no seu punto, os nosos cociñeiros fixeron unha cata previa, tal e como amosa algunha das probas gráficas que nos ían chegando por mensaxe mentras camiñabamos. Kiko, Victor, Doro, Poli, Merce e José Luis foron os artífices das viandas que gozamos ao chegar.

E aquí entran en escena os nosos avós primeirizos, Bacelos, Isa, José Luis, Merce, e os futuros Manolo e Elena; que quixeron compartir con todos os compoñentes do Souto do Vello a súa ledicia pola chegada de cadansúas netas, Sara, Lara, e ??,  celebrando este xantar xunto connosco e invitándonos a todos. Precisamente unha das netiñas, Sara, nos fixo unha visita acompañada dos seus pais. Que bonitiña!! Parece que pouco a pouco imos tendo relevo xeneracional no Souto do Vello. Por iso que, ímoslle pedir aos avós e ás avoas que lles inculquen ás súas netiñas o gusto polas andainas. A ver se así conseguimos celebrar como mínimo outros 20 anos máis de camiñadas!!

Finalizada a comida chegaron as sobremesas que, como non podía ser doutra maneira, foron aportadas polo noso pasteleiro e rosquilleiro máis famoso e admirado. O Kiko, de rosquillas “Ancla”, fixo as delicias dos comensais cos seus pasteis, cañitas e rosquillas que estaban espectaculares.

E despois dos postres, que vén?? Pois si, efectivamente: o licor café. Desta vez, catamos un riquísimo “licorca” co que a nosa rubia máis espectacular, a Carmen, nos agasallou nesta ocasión.

Os organizadores tíñannos preparada outra sorpresa: o sorteo de diverso material doado por algunhas casas comerciais, e mais dunha “pequena” viaxe para unha persoa. Foron saíndo os números da sorte e os agraciados pasaban a recoller o seu premio, incluído o desa “pequena” viaxe.

A nota emotiva da xornada chegaría en forma de procesión ata o lugar de Codesás, onde se encontra un conxunto de antigas vivendas en estado ruinoso e das que aínda hoxe non hai información clara dos motivos polos cales foron deshabitadas. Ata esa pequena aldea de Codesás nos levou o noso amigo Antonio para completar o percorrido que non fixeramos pola mañá e para facer unha ofrenda no peto de ánimas que alí se encontra, adicado ao Santo Antonio. Por un despiste, esqueceu en Vigo o ramo de flores que ía depositar na ofrenda pero varios compañeiros do grupo, nun xesto de indubidable cualidade humana, foron recollendo as flores que se encontraron no percorrido ata conseguir un ramo ben bonito polo que, finalmente, o Antonio si que puido facer a ofrenda como tiña previsto.

Pero así a todo aínda nos quedaba unha cousa máis. Non hai saída do Souto do Vello que se precie na que non haxa festa animada polo grupo musical “Os Soutiños”. Unha grande alegría levamos cando, no inicio da xornada, comprobamos que un dos fundadores deste particular grupo de gaiteiros voltara camiñar connosco. O Lucho, afanouse novamente co bombo, despois de varios anos. A música e o baile apoderáronse dos asistentes que bailaron o agarrado na eira do Casal.


De regreso a Vigo, todos levamos unha boa lembranza desta primeira andaina da vixésimo-primeira tempada. Vaia un agradecemento especial para o anfitrión, para os avós, para os cociñeiros, para os músicos e, en xeral, para todos os compoñentes do Souto do Vello por este día de convivencia.

Vinte anos pasaron rápido pero todavía quedan moitos quilómetros por percorrer.


Para ver as fotos fai clic aquí.