Por fin chegou o día de asistir ó
Santuario do Bacalhao e que mellor maneira de honralo que saír...do
propio santuario. Así que alá nos fomos, co autobús máis cheo que
nunca, ata Castro Laboreiro. O día, como sempre fai a
“orjanisasión”, estaba pedido; prometía un precioso día de
sol, limpo e sen demasiada calor. Comezamos a pateada (se se pode
chamar así) sobre as dez da mañá desde a porta do restaurante
Miracastro. Collemos dirección a Rodeiro por unhas pistas fáciles e
agradables de andar con preciosas vistas cara a serra. Pasamos por
Picotim, pola capela da senhora de Monserrate,
Travessa-Coriscadas-Falagueiras-Adofreire-Senhora dos Remedios e
Rodeiro. Aí paramos a tomar o bocata das “onse” pasadas as onse,
aínda que o noso guía di que “as onse son as onse”. Despois
continuamos pola ponte de Rodeiro, a costa da Cabrita... boeeeno
costa, costa é un dicir. Moitos queixábanse de que na serra da
Peneda a orjanisasión non nos metese por unha costa. Creo que están
botados a perder porque isto non se parece a unha andaina para o
Souto do Vello. Bonita si, hai que recoñecelo, pero de dificultade
menos que baixa, case non facemos gana de comer o bacalhao. Pasada a
costa da Cabrita pasamos por Formarigo, Portela e chegamos á altura
do cemiterio de Castro Laboreiro. De alí collemos pola ponte de
Castro para subir ao castelo. Feitas as fotos de equipo dende ese
mirador natural fomos baixando ata o noso santuario. Como non podía
ser menos, non defraudou o menú. Os da mesa 17 dicían que nunca
comeran un
bacalhao e un cabrito tan rico, sen esquecer o caldinho e
mais a sobremesa. Os da mesa do lado falaban ben da caña depois do
café. O certo é que estivo moi ben, contando ademais coa excelente
actuación dos Soutiños que animaron ó persoal para que saíse a
botar uns bailes. Toda unha festa! Debeu ser grazas aos recordos que
nos mandaron María Jesús e Antonio, que din que María Jesús está
poñendo todo da súa parte para estar pronto con nós.
Devolvémoslles eses recordos cheos de ánimos, así como a todos os
que están en proceso de recuperación. Botámosvos de menos, ánimo!
Os demais xa estamos preparándonos para unha estupenda fin de semana
na Fonsagrada.O Souto do Vello no cume galego!
O Souto do Vello no cume galego!
24 de abr. de 2015
10 de abr. de 2015
11 de mar. de 2015
Sendeiro das Greas 2ª etapa (Fornelos de Montes - Xunqueiras)
Continuando co plan de
facer o Sendeiro das Greas, o pasado domingo 8 de marzo, fixemos a nosa segunda
etapa que comezou en Fornelos de Montes e rematou en Xunqueiras pasando por
Traspielas. Para esta etapa a organización reservou un día de primavera
marabilloso, se a isto lle engadimos que se trataba dunha das máis bonitas
etapas do Sendeiro, pois…como dicía o meu avó: “mel nas filloas”.
Dende aquí queremos
aproveitar para enviar un saco cheo de ánimos e forzas para Mª Jesús e Antonio
para axudalos a superar estes malos momentos agardando que máis pronto que
tarde volvan estar con nós. Ánimo!
Para ver máis fotos fai clic aquí.
27 de feb. de 2015
11 de feb. de 2015
Castelo de Vilasobroso - A Picaraña - O Castro de Troña
No tempo de entroido o
habitual é comer un bo cocido (en calquera outro momento tamén vai ben se é
bo). Como tiñamos a oportunidade de comelo en “Casa Kiko e amigos” en
Ribadetea, a organización preparounos unha pequena pero bonita andaina polas
terras de dona Urraca. Así chegamos ben cedo e cunha temperatura de 2 graos
baixo cero ó castelo de Vilasobroso. O día apuntaba un sol espléndido, e así
foi. Limpo, luminoso, agradable para andar. Como é costume nestas convocatorias,
o autobús quedou pequeno. Ademais, había preparada unha pequerruta para os
andaríns infantís e aqueles non habituais pero fieis a Don Cocido. Estes foron
trasladados ata o castro de Troña onde puideron aprender unha chea de cousas da
man do director Telmo que logo os guiou ata o castelo para visitalo por dentro
e por fóra.
O resto do grupo
iniciamos a marcha en busca da Pena do Equilibrio, o noso primeiro obxectivo.
Trátase dun penedo situado sobre outro, en pleno
equilibrio sen axuda de ningún tipo, que forma parte do conxunto de penas graníticas ás que
tamén pertenece a "pena dos namorados" na parroquia de Arcos.
Despois de varios intentos de botala abaixo sen éxito, continuamos ruta para
comezar a subida ó monte da Picaraña. Un pico que ten sobre 400 m de altitude, un lugar
de devoción dende tempos inmemoriais onde se celebran grandes romarías en torno
á capela da Santa Cruz. É unha capela distinta ás que hai noutros lugares de
culto que están altos e afastados. Desde os seus cumes pódense divisar grandes
panorámicas de todo O Condado e gran parte do Val do Tea, tamén a vila de
Ponteareas e as súas parroquias. Coronado o monte e repostas as forzas collemos
cara ó Castro de Troña. Nalgunha zona tiveron que actuar os “Pastores de
camiños” que botando man das súas tesoiras foron chapodando toxos, xestas e
algunha que outra silveira que impedía o paso cómodo do resto dos andaríns.
Cando comezamos a baixar puidemos contemplar unha vista preciosa do castro e
capela. Segundo a Galipedia “O Castro de Troña é un castro galaico
pertencente á cultura castrexa, situado na parroquia de Pías (Ponteareas), é un
bo exemplo de "castro cristianizado" coa construción dunha capela na
súa croa. É un Ben de Interese Cultural (BIC) con categoría de monumento dende
o ano 2009”. Despois de dar unha volta e apreciar as
distintas construcións, o petróglifo da serpe, a ermida, os cruceiros… collemos
camiño de volta en dirección ó castelo. Pasamos pola ermida de Santa Trega, moi
pretiño do castro. Chegamos en boa hora de volta ó castelo. Visita, baixada
pola senda botánica e subida ao autobús porque era hora de xantar. En Ribadetea
xa nos esperaba o equipo de cociña e sala con todo preparado. Comezamos cunha
suculenta e reparadora sopa para continuar co desfile de pratas acuguladas de
fozante, cornante, voante, verzas e patacas quentiñas e no seu punto de
cocción. Viño tinto de categoría, sobremesas, cafés e chupitos completaron un
menú que paga a pena repetir. Logo chegou a hora dos Soutiños que contaron coa
colaboración de varias e coloridas “Carolinas” e mailos seus laghartos nas
saias. Un día moi agradable e non só pola comida, senón tamén pola presenza de
xente querida (grandes e pequenos) que estamos moi contentos de telos entre
nós. A organización encárganos de que fagamos público o agradecemento a todo o
equipo de traballo de “Casa Kiko e amigos”. Ata a próxima.
Se queres ver as fotos da pequerruta fai clic aquí. Para ver as outras fotos fai clic aquí.
2 de feb. de 2015
Castelo de Vilasobroso - Picaraña - Castro de Troña
ATENCIÓN! Nesta saída imos poñer en práctica un vello costume e que ultimamente está un pouco esquecido. Trátase dos PASTORES DE CAMIÑOS, que como di o amigo Manolo Gago no seu blog son as persoas que "mentres camiñan, van ronzando toxos, xestas, maleza que avanza devorando os antigos vieiros dos nosos devanceiros ata consumilos e desaparecer". Sabemos que algúns dos membros do Souto do Vello veñen facendo isto a miúdo pero non está mal espallalo e que participemos cantos máis mellor. Así que xa vos vexo armados e armadas de fouciño para darlle ás xestas ou ás silvas que vaiamos atopando. Se querede ler o artigo de Manuel Gago en Capítulo Cero facedes clic aquí.
14 de xan. de 2015
GR58 Sendeiro das Greas - (1ª etapa Soutomaior - Fornelos de Montes)
Cada vez que cambiamos de ano facemos unha
chea de propósitos que moitas veces non levamos a cabo. Os andaríns do Souto do
Vello, neste ano 2015, fixemos un propósito moi ambicioso que consiste en
percorrer o Sendeiro das Greas, nada máis e nada menos que 247 km aproximadamente, e
que estamos seguros que non imos fallar.
O GR58, chamado Sendeiro das Greas, é o máis
longo dos sendeiros de Gran Percorrido en Galicia que pasa por todos os
municipios da Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo. O nome de Greas fai
referencia á cantidade de cabalos que podemos atopar nos montes polos que pasa
(grea=conxunto de animais e catro patas
que viven xuntos, especialmente cabalos). A riqueza e diversificación das
paisaxes é o que mellor define a este sendeiro, pasando por zonas forestais,
zonas baixas de paisaxe agraria ata tramos con vistas marítimas da Ría de Vigo.
Sen esquecernos do patrimonio arquitectónico e etnográfico, así como os restos
arqueolóxicos do neolítico. Pouco a pouco iremos debullando cada un destes
apartados segundo vaiamos facendo as distintas etapas que nos teñen preparadas.
Para comezar, o pasado domingo, fixemos o
tramo de Soutomaior a Fornelos de Montes. Un percorrido de gran beleza
paisaxística de media montaña e de ribeira que puidemos gozar cun tempo
realmente marabilloso.
Saímos da parte baixa do castelo de
Soutomaior. Logo dunha pequena baixada cruzamos pola ponte medieval de Comboa, que atravesa o río Verduxo para logo volver
cruzar pola ponte colgante, toda unha aventura... Continuamos ata o lugar de
Carballa, unha aldea situada na aba do monte e chea de socalcos que conforman
un precioso tapiz que remata nas ribeiras dos ríos Verduxo e Oitavén. A dura
subidiña levounos ata un lugar onde puidemos contemplar o canón do río Oitavén,
espazo fluvial único pola súa riqueza natural en especies de flora e fauna.
O percorrido continúa na parte alta do camiño
por un sendeiro empedrado que nos leva ao lugar de Alén de Arriba e despois á
parroquia de San Adrián de Calvos. Alí puxemos en práctica o experimento de
“comer sen fame” e que resultou moi satisfactorio, xa que despois de facer a
enquisa correspondente puidemos comprobar como a maioría levaba a metade do
bocadillo sen comer e andaba máis lixeiro (aforramos e gañamos en saúde!).
Pouco despois de comer chegamos ao Monte da
Cidade, o punto máis interesante desta etapa. Alí hai unhas ruínas dun poboado
formado por pequenas casas de pedra cubertas de vexetación e un antigo
acueducto, todo rodeado dun espléndido bosque de carballos que deitaron as
follas no chan formando unha alfombra pola que dá gusto pisar.
Cruzamos o río Barragán, pasamos ao lugar de
Oitavén e subimos por un monte desde onde se pode contemplar o encoro de Eiras.
Continuando pola pista forestal chegamos ao centro de Fornelos de Montes. De aí
continuamos ata a praia fluvial no río Oitavén onde rematamos esta primeira
etapa degustando unhas riquísimas rosquillas da confitería ANCLA de Ponteareas,
agasallo do noso amigo Kiko.
Volta para Matamá para marcar cun X a primeira
das etapas deste GR que pensamos rematar onde comezamos.
Para ver máis fotos fai clic aquí.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)






