O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

24 de abr. de 2011

Ruta pola Serra da Peneda (Portugal)

E resultou o que se esperaba. Ou se cadra máis. A Serra da Peneda segue a ser un lugar máxico, cheo de contrastes. Penedos de centos de miles de toneladas envolvéndoo todo, e un bo exemplo vímolo no "Circo das pedras", bosques de coníferas nas zonas máis baixas da serra e bidueiros a máis altitude en lugares nos que a auga é o primeiro elemento. Comezamos en Lamas de Mouro e tomamos camiño cara a Castro Laboreiro onde nos esperaba un fabuloso bacalhau con broas (en Portugal non digades "exquisito" pois ten un significado totalmente contrario que no noso idioma). A serra está inzada de pequenos regatos que baixan apacibles entre bosques, rochas e prados. Pero unha gran parte do percorrido transcorreu por camiños empedrados probablemente construidos para seren vías de comunicación co cercano santuario da Peneda e utilizados por peregrinos durante séculos. Un momento impresionante foi o encontro cunha parella de xabaríns, quizais nai e fillo, que ao outro lado dunha bagoada trataban de poñerse a salvo dos "visitantes de vermello". Ainda así a anécdota do día púxoa o noso compañeiro Gonda que, nun mal paso (ou iso foi o que nos dixo), lesionou a súa perna esquerda. Afortunadamente non foi nada grave e puido continuar a camiñata non sen precisar certa axuda ata que o coche-escoba do señor Manolo o recolleu no último treito do camiño.

O peor de todo quizais fose ver moitas hectaréas queimadas, moi probablemente para favorecer o pastoreo do gando que anda ceibe polo monte. Seguramente será un práctica habitual, incluso tradicional nesa zona, moi enraizada na súa forma de xestionar o monte pero a min que me disculpen pero non o entendo....

Ao final aconteceu o que tiña que acontecer: case 60 persoas degustando o famoso bacallau con broas do restaurante Miracastro ademáis do cabrito ao forno e das "tetas castrexas" como sobremesa.

E rematou como tiña que rematar: os magníficos, terribles, festexeiros e irrepetibles Soutiños (baixa modesto!) puxeron a nota final (nunca mellor dito) a un día soleado con boa temperatura e que xa nos tarda para repetir.

Por certo, as enquisas que vos pasamos para preparar a vindeira tempada e decidirmos por repetir aquelas saídas que máis vos gustaron deben ser entregadas na vindeira andaina. Axúdadenos a preparar o décimo aniversario!!

A seguir camiñando!!
--
Telmo

Aquí podedes ver algunhas das fotos que ilustran o que di Telmo. Pronto haberá máis.



8 de abr. de 2011

Ruta pola Serra da Peneda - Andaina do Bacalhau con broas (17/04/11)

Xa está próxima a tradicional andaina do Bacallau con broas!!. Xa tardaba unha nova ruta gastronómica do Souto do Vello. Esta será como sempre pola Serra da Peneda en Portugal. Sairemos de Matamá ás 8:00 da mañán en autobús para chegarmos a Lamas de Mouro o noso punto de partida desta andaina que contará con espectaculares vistas, frondosos bosques, ríos e unha natureza pétrea que marabilla a quen a contempla. Pasaremos polo "Circo das Pedras" que non é outra cousa que un lugar impresionante onde grandes penedos son os protagonistas.

O sendeiro terá un percorrido de 19 km e a dificultade será media!! Despois de 5 horas aproximadamente chegaremos a Castro Laboreiro onde nos espera o famoso e exquisito bacallau con broas e tamén, se cadra, un riquísimo cabrito montés regado como non polo abondoso viño da Serra (ou da xerra??)

Xa sabedes, hai que anotarse, vir descansados do día anterior e sen comer dende dous días antes!!! Se quixerdes, os comentarios sobre este post serán benvidos.

A seguir camiñando!!!!

--
Telmo

23 de mar. de 2011

Samieira - Armenteira - Cambados

20 de marzo de 2011, domingo, día despois do San Pepe, santo de primeira categoría (é festivo cando non cadra en domingo pola cantidade de Pepes importantes ao longo da historia), cheo total, lista de espera, día espléndido (non chove)...que máis queremos!
Dá gusto comprobar como hai comentarios antes de aparecer a crónica; isto quere dicir que hai ganas de andar e máis ganas de contalo.

Os andaríns do Souto do Vello comezaron subindo ao pé do rego de Samieira pasando polos muíños que van aparecendo como cogomelos e deixando atrás unhas excelentes vistas da ría de Pontevedra. Pasada a aldea de Bastos chegamos ao petróglifo do Outeiro do Cribo. Moi interesante a visita, pero creo que non menos interesante foi o bocata (xa estabamos na hora!). Despois do outeiro baixamos ata o mosteiro de Armenteira (se queredes máis información visitade esta páxina http://www.armenteira.com). Visita ao claustro e mais a capela. Non vimos a San Ero. Algúns aproveitaron para “trasegar” viño de Barrantes con callos incluídos.

A continuación prácido descenso de 8 km pola beira do río Armenteira, pasando pola aldea de pedra construída polos alumnos da escola de canteiros de Poio. A senda está poboada por árbores centenarias, e non tan centenarias, que están rebentando coa forza da primavera e sempre acompañados polo rumor das augas do río, o que fai que a baixada sexa unha ledicia. Chegamos á hora de comer á área recreativa dispondo de mesas, bar, aseos e lugares e tempo para a sesta.

Xa pola tarde chegamos a Cambados, conxunto histórico-artístico que paga a pena visitar (aquí disque tamén hai albariño). Comezamos a visita polo mirador da Pastora e continuamos pola igrexa de Santa Mariña, templo gótico de finais do século XV, construído sobre unha ermida románica. É un edificio dunha nave dividida por varios arcos transversais e con capelas laterais. Alí hai un bonito camposanto. Logo baixamos ata a torre de san Saturniño, na illa de Figueira, que fora construída para defenderse dos ataques vikingos.

Rematamos cun bonito paseo marítimo e unha “garimba” ou albariño porque a esas horas ía unha calor...!

Na viaxe de volta algúns viñeron facendo empanadillas que ofreceron á chegada a Matamá, aínda que houbo quen quedou sen elas, verdade Lucho?!.

Algúns queixáronse da dureza da marcha, por favor as queixas á organización (na cara ou aquí nos comentarios). Agardamos as vosas opinións ou suxestións... e tamén a seguinte andaina aínda que sexa tan dura como esta! Ánimo!

Aquí quedan un par de pases de fotos!



11 de mar. de 2011

A vindeira andaina promete - 20/03/11

Será unha ruta polos muíños de Samieira e Armenteira, nada menos que 76 muíños de agua e unhas fermosas paisaxes. Pasaremos polo petróglifo do Outeiro do Cribo en Armenteira espectacular representación dun labirinto e dous cervos con 3.000 anos de antigüidade.
Visitaremos o mosteiro de Armenteira do século XII, obra senlleira da arquitectura da orde do Císter (www.monasteriodearmenteira.org).
Datos da ruta:
Duración: todo o día
Percorrido: 22 Km
Dificultade: Baixa
A saída será ás 9 da mañá do 20 de marzo dende o Torreiro da Festa de Matamá. Iremos en autobús polo que é preciso anotarse.
A seguir camiñando!!
Telmo

23 de feb. de 2011

O Souto do Vello estivo no Galiñeiro

Como non podía ser doutro xeito, os andaríns do Souto do Vello estivemos o domingo no Galiñeiro para reclamar a protección do monte. Aínda que as condicións meteorolóxicas non axudaron acudiu bastante xente, tal e como recollen as crónicas dos distintos xornais. Neste enlace http://www.elmundo.es/elmundo/2011/02/20/galicia/1298232359.html
podedes ver a noticia publicada polo diario "El mundo" e as fotos publicadas dan fe da nosa participación.
Na seguinte presentación podedes ver algunhas instantáneas da xornada.



Agardamos a vosa colaboración expresando as opinións a través dos comentarios.

16 de feb. de 2011

Andaina Prado-Cocido

Segundo as informacións recibidas na nosa redacción, o pasado domingo 13 de febreiro, os andaríns "Do Souto do Vello" foron facer unha pateada con cocido a Prado, na parroquia de Morgadáns (Gondomar); unha paraxe marabillosa entre o Galiñeiro e o Aloia cunhas vistas impresionantes da ría. Desta volta os partes meteorolóxicos non foron benévolos e fixeron que moitos dos apuntados non quixeran "lavarse" (dos 54 anotados nun principio, apareceron 48 valentes). Así foi que comezaron a andaina ás 10 da mañá con algo de chuvia, pero con moitas ganas. Seica pasaron polo curro de Morgadáns e nalgún momento, entre a brétema e as vacas, cambiaron de camiño e tiveron que dar volta para non ter que cruzar o regato. Xa contra o final parecía que quería clarexar e ata puideron ver Baiona.
Despois de 4 horas de andar quedaba o mellor. Bo cocido, ben regado e moi ben servido polos amigos do bar Robredo de Prado. Ah! se a andar se apuntaran 48 valentes, ó cocido apareceron 72 máis valentes aínda (que capacidade de sacrificio!!!); pero estaban moi contentos porque contaron coa agradable compañía de Álvaro (pai de María e Jose, avó de Alicia e bisavó de Icíar), que cos seus 80 anos acompañou ó benxamín do grupo, Xián, fillo de Pili, de 9 meses, que xa se está preparando como sendeirista (a xulgar polos botes de comida logo o consegue).
E por fin chega a hora dos "Soutiños" montando a habitual festa. Os bailaríns agradeceron os esforzos e o bo saber facer dos gaiteiros, tamborileiro, pandeireteira e bombeiro (por certo, segundo as malas linguas disque vai cambiar o bombo pola gaita). Á parte de amenizar o grupo de andaríns, os Soutiños foron visitar os outros comedores facendo as delicias dos comensais que non facían máis que pedir outra e outra!!
Tamén houbo tempo para cantarlle os parabéns ó artista que non cumpre anos, din que vai polos 49. Parabéns Sr. Bacelos!!
A unha hora prudente fóronse retirando todos ás súas respectivas casas e puidemos recoller algunhas declaracións dos asistentes: "Estamos desexando que chegue a próxima".
Quedan aquí algunhas das imaxes da xornada e mais o vídeo da entrega de trofeos.


14 de feb. de 2011

Andaina pola protección da Serra do Galiñeiro


Nós tamén queremos protexer a Serra do Galiñeiro, por iso imos estar o domingo dando un paseo para que non se faga o parque eólico que teñen previsto. Para máis información podedes entrar na páxina da Plataforma facendo clic aquí.